O Concello de Narón investiu algo máis de 91.000 euros nas tarefas de mantemento en varios colexio

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse na mañá deste xoves ao CEIP Ponte de Xuvia para comprobar o estado dos traballos de mantemento realizados no centro este verán. O director do colexio, Carlos Pena, estivo tamén presente no percorrido realizado polo interior das instalacións, donde se procedeu ao pintado de varias aulas e da zona das escaleiras, cun investimento municipal de 25.890 euros. A alcaldesa indicou que a partida global para proceder ás tarefas que se proxectaron de mantemento de centros este verán supera os 91.000 euros. “Trátase dun investimento moi importante e co que tratamos de ir atendendo as prioridades dos colexios públicos de Narón en materia de mantemento, se ben lamentablemente nalgúns casos vémonos obrigados a asumir desde o Concello actuacións que non responden propiamente a mantementos senón obras que debe asumir a Consellería de Educación e que lamentablemente, a pesar das comunicacións realizadas, non se atenden”, denunciou Ferreiro.

O programa de actuacións levado a cabo polo Concello incluíu ademais no CEIP Virxe do Mar e no CEIP Piñeiros obras de pintado de aulas, que supuxeron un desembolso de 13.370 euros, e a reforma dos baños do primeiro dos centros, que custou 25.389 euros. “Precisamente esta obra dos baños entendemos que non é un mantemento das instalacións, senón unha actuación integral e que debido á súa urxencia polo estado no que se atopaban, decidimos asumir desde as arcas municipais”, explicou a alcaldesa.

Na Escola Infantil Municipal da Solaina tamén se está ultimando o pintado de aulas, unha obra que custará ás arcas locais 14.242 euros e á que se suma outra actuación pendente de rematar na antiga escola de Piñeiros, cun pintado e reposición de portas valorados en 12.230 euros. “Esta última actuación decidimos deixala para o final, debido a que se trata do local que actualmente ocupa a Anpa e considerando que é preciso priorizar o traballo no interior das aulas, de cara ao inminente inicio do curso escolar”, apuntou Ferreiro.

Nos dous últimos meses o Concello destinou máis de 91.000 euros ao mantemento de centros educativos da cidade, polo que instamos novamente á Xunta a que asuma as súas responsabilidades na materia e atenda as peticións que se lle realizan desde os centros para acometer obras que son das sías competencias”, subliñou a alcaldesa. “Á espera de que asuman esas competencias, desde o equipo de goberno continuaremos traballando no mantemento dos centros educativos da nosa cidade, vendo as súas necesidades, as prioridades e atendéndoas á maior brevidade posible”, asegurou.

One comment

  1. Lástima que quieran tapar los más de 800.000 de la Xunta en el Feal. Es una pena que el concello olvide su compromiso de un 50%-50%.