O BNG se reune con hostaleiros e autonomos e pide a suspensión das taxas de auga, lixo e saneamento para estes sectores

Iván Rivas reunido co colectivo de hostaleiros e hostaleiras | BNG

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol mantivo esta mañá unha reunión con representantes do colectivo de hostaleiros/as e autónomos/as de Ferrolterra afectadas polas restricións nas súas actividades derivadas da crise sanitaria da covid e na que avaliaron a situación actual na que se atopan e as medidas de apoio que precisan, "que pasan primeiramente por unha exención das taxas municipais pola falta de actividade".

O BNG considera e así lles trasladou que as axudas aos sectores afectados polas restricións e peches derivados da crise "deben ser directas". Así mesmo, "é urxente que desde o goberno local se decrete de maneira inmediata a suspensión das taxas de auga, lixo e saneamento como se fixo no mes de marzo. Hai locais que están pechados e se lles segue cobrando estas taxas como se estiveran a pleno funcionamento o que se ten convertido nunha auténtica lousa económica para os propietarios destes estabelecementos".

O BNG tamén aposta por estabelecer "axudas directas para axudas ao aluguer ou para compensar a perda de facturación". Así mesmo e de cara ao vindeiro ano "cómpre modificar as ordenanzas de lixo, auga e saneamento para que as bonificacións afecten aos que máis o precisan e aplicar exencións fiscais en función da realidade na que os locais poidan traballar".

Neste encontro tamén se abordaron outro tipo de iniciativas como "a creación dunha bolsa de baixos baleiros, a peonalización do casco histórico da cidade, a ordenanza de terrazas e medidas de impulso de cara ao sector cultural e artístico na cidade".