O BNG pide ao goberno local que rectifique a súa postura tras a documentación aportada polos operadores do mercado de Caranza

Fot. cedida

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol participou, un mércores máis, na concentración convocada polos operadores e operadoras do mercado de Caranza e esixe ao goberno municipal "que rectifique a súa postura e permita ocupar os novos postos aos operadores de xeito imediato respectando os seus dereitos".

Para o BNG coa documentación que obra no seu poder relativa ao recoñecemento da titularidade e dereitos de explotación mediante documentos oficiais dos anos 2016 e 2017, asinados polos técnicos municipais e que están plenamente vixentes, "o goberno local debería desbotar a súa idea de abrir un concurso público para adxudicar os novos postos, asumir o criterio de cumprimento da legalidade e conceder os novos postos aos operadores".

Facelo doutro xeito "sería pasar por riba dos dereitos outorgados polo propio Concello a estas persoas mediante documentos avalados por funcionarios municipais nos que se outorgan postos específicos no mercado e concesións don datas concretas até o ano 2023". A documentación "pon en cuestión e contradí o argumento do goberno local cando afirma que as concesións están rematadas e cumpre desenvolver un concurso público".

O goberno local debería recoñecer, tras comprobar a documentación, "que a solución à problemática do mercado de Caranza pasa por permitir xa que se ocupen as novas instalacións polos actuais actuais operadores de maneira imediata e se quedara algún posto vacante que se adxudicaran do mesmo xeito que se procede cos mercados da Madalena e Recimil."