
O BNG de Ferrol propón a elaboración dun "censo municipal de espazos" que permita o inicio do curso escolar garantindo as medidas de seguridade sanitaria e demandará da Xunta de Galicia "o incremento do profesorado e que asuma as súas competencias relativas aos comedores escolares e limpeza dos centros na reunión do Consello Escolar Municipal que se desenvolverá no día de mañá."
O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acudirá mañá a reunión do Consello Escolar Municipal, convocado tras a aprobación dunha moción do seu grupo no último pleno da corporación e no que se prevé abordar a situación dos centros de ensino e da comunidade escolar diante do inicio do curso escolar, "co obxectivo de que este orgao se posicione en contra do Protocolo COVID19 para o ensino, aprobado pola Xunta de Galiza e que apoie as demandas e mobilizacións da comunidade educativa nesta materia".
A alternativa para asegurar a reincorporación ás aulas dos nenos e nenas "é simple e pasa por dotar de máis profesorado e máis espazos que permitan cumprir cos requisitos de seguridade sanitaria baixando as ratios por aula e gardando as distancias que neste protocolo a Xunta reduce respecto das esixencias para o resto da poboación sen máis obxectivo que manter o número de 25 alumnos por aula". Un número de persoas que a mesma Xunta de Galicia, "cando se trata de reunións sociais, que limita a un número de 10 persoas, considera situación de risco para a saúde".
Por este motivo o BNG demandará do goberno local a elaboración dun censo de locais e instalacións municipais que, xunto cos espazos dispoñibles nos centros escolares da cidade, "co obxectivo de reducir a ratio por aula que permita garantir a seguridade sanitaria para alumnos, alumnas e profesorado, desbotando a excusa de falta de espazos para que esta decisión se poida implementar".
Ademais o BNG sinala que neste documento estabelécense as medidas xerais de limpeza nos centros de ensino non universitarios. Estas medidas de limpeza extraordinaria esixirán realizar uns traballos nos centros educativos durante o desenvolvemento da xornada educativa "que van moito máis alá das que nestes momentos se realizan por parte dos concellos."
Unha competencia "impropia" que corresponde a Xunta de Galicia "que leva anos sen asumir a súa responsabilidade e que agora nun contexto como o actual lávase as mans". Debería ser polo tanto, "a Xunta de Galiza, a administración con competencias en materia de educación e sanidade en Galiza, a que ten que asumir e financiar estes traballos e medidas de limpeza ás que fai referencia o Protocolo, que para o BNG non poden ser os concellos os que asuman nin a súa execución nin o seu financiamento".
Por este motivo o BNG proporá que se lle esixa a Xunta de Galicia "a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello, derivado da covid-19, e se isto non acontece que cando menos asuma o subrecuste económico que suporá para o Concello desenvolver estes traballos".
Ademais, o BNG demandará do goberno local que exixa a Xunta de Galicia "a asunción da súa responsabilidade respecto dos comedores escolares. Unha competencia autonómica que leva anos sen asumir e que nun contexto como o actual faise máis urxente todavía unha dotación económica e un servizo acorde as necesidades do alumnado".
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.