O BNG pide a convocatoria do Consello Escolar Municipal para abordar o inicio do curso

O BNG reunido coas ANPAS | BNG

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixe ao goberno local a convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal para abordar a situación dos centros de ensino e da comunidade escolar na cidade diante do inicio do curso no actual contexto sanitario, como consecuencia da covid-19, e as medidas a adoptar. Esta é unha das propostas recollidas nunha moción que será debatida no pleno do vindeiro xoves "e que pide amosar o rexeitamento ao Protocolo covid-19 para o ensino, aprobado pola Xunta de Galicia, así como apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia".

Así mesmo desde o BNG mantivose na tarde de onte un encontro con representantes dalgúns centros de ensino, da federación comarcal de Anpas de centros públicos e con representantes sindicais da cidade. Nesta reunión na que participaron representantes do profesorado, das direcións dalguns centros e das ANPAs analizouse a situación actual do ensino e "constaouse o rexeitamento ao Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21". Unha proposta "que foi elaborada e aprobada unilateralmente pola Consellaría de Educación que se negou a negociar as medidas nel previstas así como os recursos necesarios para a súa implantación".

O protocolo da Xunta "está pensado exclusivamente para manter as apariencias e lonxe de resolver ningún problema provocará máis". A Xunta de Galicia "exímese de toda responsabilidade delegando esta nos pais e nais, no profesorado e nos concellos e actúa de maneira rutineira como se aquí non pasase nada desenvolvendo un protocolo que cuestiona toda a comunidade educativa".

Un protocolo "sen dotación económica que penaliza a calidade educativa e as garantías sanitarias, impoñéndolle a responsabilidade da súa planificación e execución ao persoal directivo e ao profesorado, ás nais e aos pais, así como aos concellos que se deberán facer cargo da prestación e sobrecuste de certos servizos, sen que a administración competente en materia sanitaria e educativa, a Xunta de Galicia, asuma ningunha delas".

A alternativa para asegurar a reincorporación ás aulas dos nenos e nenas "é simple e pasa por dotar de máis profesorado e máis espazos que permitan cumprir cos requisitos de seguridade sanitaria baixando as ratios por aula e gardando as distancias que neste protocolo a Xunta reduce respecto das esixencias para o resto da poboación sen máis obxectivo que manter o número de 25 alumnos por aula. Un número de persoas que a mesma Xunta de Galicia, cando se trata de reunións sociais, que limita a un número de 10 persoas, considera situación de risco para a saúde".

Estas son "vellas demandas da comunidade educativa diante da precarización do ensino durante toso estes anos e que hoxe se fan imprescindibles. Máis cando a habilitación destes espazos non supón ningún problema e cando existen numerosos e numerosas docentes preparados para dar aulas si a Xunta llo require".

O BNG sinala que neste documento estabelécense "as medidas xerais de limpeza nos centros de ensino non universitarios. Estas medidas de limpeza extraordinaria esixirán realizar uns traballos nos centros educativos durante o desenvolvemento da xornada educativa que van moito máis alá dos que nestes momentos se realizan por parte dos concellos". Unha competencia "impropia que corresponde a Xunta de Galicia que leva anos sen asumir a súa responsabilidade e que agora nun contexto como o actual lávase as mans".

"Debería ser polo tanto, a Xunta de Galicia, a administración con competencias en materia de educación e sanidade en Galiza, a que ten que asumir e financiar estes traballos e medidas de limpeza ás que fai referencia o Protocolo, que para o BNG non poden ser os Concellos os que asuman nin a súa execución nin o seu financiamento".

Na iniciativa do BNG tamén se pide que o Concello de Ferrol "se adira ao Manifesto da Confederacion Anpas Galegas Sobre o Inicio do Curso 2020-2021 e insta ao goberno local a recibir, escoitar e apoiar as demandas da Federación Comarcal de Ferrolterra de ANPAs de Centros Públicos (FEANPAs)".

O BNG pide esixir a Xunta de Galicia a "elaboración e financiamento do plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello, derivado da covid-19, asumindo a totalidade do sobrecuste e emprazar á Xunta de Galicia a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021".