O BNG afirma que Ferrol debe asegurar o benestar animal «se quere ser unha cidade saudable e sustentable»

Iván Rivas na presentación da campaña | BNG

O benestar animal é un dos obxectivos que definen ás cidades saudables e sustentables. "Isto supón máis que un concurso escolar ou charlas divulgativas sobre a tenencia responsable de mascotas; boas iniciativas pero que non amañan os problemas que xorden da convivencia e que non garanten os dereitos das outras especies". Dende o BNG de Ferrol "consideramos que Ferrol tamén pode ter oportunidades no desenvolvemento de políticas de benestar animal".

Existen na actualidade dous marcos lexislativos para a regulación da protección e o benestar animal, unha lei autonómica e unha ordenanza municipal. A regulamentación autonómica "é basicamente un regulamento sancionador que non responde a unha verdadeira planificación da nosa convivencia con outras especies". Por pór un exemplo, "exclúe da protección e benestar a todos os animais que participen en espectáculos taurinos". Mentres, a ordenanza municipal "está sen desenvolver con políticas concretas, por exemplo no relativo ás colonias de gatos, ao refuxio mancomunado de Mougá ou á participación do movemento asociativo nestas políticas".

Unha cidade saudable é tamén a que ordena estas relacións, "á que lle dedica recursos suficientes e ve tamén oportunidades para criar empregos e tecer redes de participación cidadá para a resolución dos problemas de convivencia que xorden".

Dende o BNG afirman que "Ferrol non pode seguir dando as costas aos aspectos relacionados co benestar animal. É preciso desenvolver o marco legal e dotalo de recursos económicos, atendendo aos puntos máis quentes nestas políticas (o refuxio e coidado de mascotas en situación de abandono, o control e ordenación das colonias de gatos ou a irrupción de animais salvaxes en zona urbana)".

A concellaría que asuma Benestar Animal "debe contar cunha partida orzamentaria específica e desenvolver un "Plan anual de actuación para o benestar animal e a convivencia cidadá". Desde esta concellaría débese constituír unha "Mesa de traballo e participación", onde estean representadas as asociacións que traballan neste ámbito e profesionais veterinarios que dun xeito altruísta están a colaborar con elas; impulsar o compromiso dos outros Concellos para ampliar e mellorar as instalacións de Mougá, asegurando os dereitos dos animais acollidos e canalizando unha liña de adopcións responsábeis".

Ferrol ten que "habilitar espazos adecuados para a socialización canina, actualmente insuficientes; axilizar a inspección e trámite das denuncias por maltrato animal e os expedientes por molestias á veciñanza, derivados da tenencia de animais de compañía; aprobar un Protocolo de actuación ante un animal abandonado, ferido, enfermo ou morto, e un "Plan colonial felino" do Municipio que contemple a esterilización, a atención sanitaria, a resolución de conflitos e a creación da figura urbana colaboradora no seguimento destas colonias".