
Decenas de persoas participaron este sábado nos diferentes actos programados en distintos puntos da xeografía galega para honrar a memoria do sindicalista Moncho Reboiras, morto a mans da policía fai 42 anos.
Diferentes organizacións do nacionalismo galego han rendido tributo por separado á figura de Reboiras con distintos actos celebrados ao longo deste sábado nos municipios coruñeses de Fene, Ferrol e Dodro, localidade natal do independentista.
A Unión do Povo Galego (UPG), partido do que era militante Reboiras no momento da súa morte, realizou unha ofrenda floral no cemiterio de Imo --Dodro--, onde descansan os restos mortais dun dos impulsores do Sindicato Obreiro Galego, precursor da CIG.
Tras isto, a Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva (SCRD) O Pote de Maniños organizou en Fene unha comida popular, á que seguiu, a partir das 16 horas, unha "sobremesa debate" baixo o título 'A mudanza real que a Galiza precisa'.
A UPG clausurou a xornada de homenaxe a Reboiras en Ferrol, onde tivo lugar unha concentración na Praza de Armas para desde alí, pasadas as sete da tarde, dirixirse pola rúa da Terra, coreando o slogan de "Moncho Reboiras, a loita continúa" e moitos deles portando bandeiras vermellas da UPG e de Galicia coa estrela vermella, en dirección ao portal do número 27, onde morreu Reboiras despois dun enfrontamento a tiros coa policía tras ser descuberto o piso franco onde se atopaba , con dous compañeiros, na rúa Concepción Arenal.
Xa ante o lugar fíxose unha ofrenda floral cunha breve intervención a cargo de Iván Ribas, voceiro do BNG en Ferrol, Tras a ofrenda os asistentes cantaron a Internacional .
Para rematar, no Cantón de Molíns, celebrouse un acto político coas intervencións de Sandra Permui, portavoz municipal do BNG en Fene; Adrián R. Bravo, secretario xeral da UMG e Néstor Rego, secretario xeral dá UPG. Os actos de tributo á figura de Reboiras serviron tamén para para denunciaren a “encarnizada persecución a que foi sometida a militancia da UPG nos anos finais da ditadura franquista”.
Necesidade de soberanía
Rego, centrou a súa intervención na defensa da “necesidade de soberanía” para Galiza, no marco do debate aberto no Estado por causa do proceso independentista en Catalunya. Para o secretario xeral da UPG, a cuestión nacional vai ser o “eixo” que defina o novo período político e defendeu que o nacionalismo galego actúe para lograr que en Galiza o debate xire “sobre a necesidade de soberanía para o noso País”. “O que nos interesa é que aquí o debate se centre sobre o noso País, sobre a necesidade de superar o actual marco político da Constitución e o Estatuto para podermos decidir sobre o noso de maneira soberana. Ese é o esforzo que vai facer o nacionalismo nos próximos meses. Explicar socialmente as razóns para a soberanía da Galiza. Cataluña vai lograr antes ou despois a súa independencia. A nosa temos que conquistala nós e só podemos facelo gañando o povo para a nosa causa”, afirmou.
A respeito do proceso catalán, o secretario xeral da UPG asegurou o apoio do nacionalismo galego ao referendo de autodeterminación de Catalunya. “Non xa por unha cuestión de solidariedade, senón porque a loita do povo catalán é a nosa mesma loita”, explicou. Neste sentido, Rego chamou a prepararse fronte a reacción “autoritaria e antidemocrática” coa que, na súa opinión, o rexime político español tencionará tronzar as loitas soberanistas e “cercear inda máis as liberdades democráticas e os dereitos individuais e colectivos”.
Críticas á “esquerda española”
Segundo Néstor Rego a esquerda española "escolleu --como sempre-- xogar ao chovisimo"
O secretario xeral da UPG cargou tamén con dureza contra a posición que as forzas da “esquerda española” manteñen a respeito do referendo do 1-O en Catalunya, acusando tanto á vella esquerda (PCE e Esquerda Unida) ou a “nova autoproclamada esquerda rupturista”, en alusión a Podemos, de prestaren “un novo e impagábel servizo á oligarquía española posicionándose rotundamente contra o referendo de autodeterminación que Catalunya vai realizar no día 1 de outubro”. Unha actitude, que equiparou á mantida polo PCE durante a chamada Transición, colaborando “para a reforma que garantiu a continuidade do Estado español unitario e para a lexitimación como Xefe de Estado dos Borbóns”.
Compromiso de Moncho Reboiras
Recoñecendo o “firme e activo compromiso militante” de Moncho Reboiras, e chamando a recoller o seu exemplo de “fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza” pola que entregou a vida, Néstor Rego destacou o enorme valor que para a UPG teñen a “organización e o activismo”. “A organización do noso povo é o labor máis importante que temos por diante”, proclamou.
Escola de militancia revolucionaria
O actual secretario xeral da UMG, Adrián R. Bravo, reivindicou a organización como “escola de militancia revolucionaria” poñendo en valor a achega desde a UMG “de activistas e cadros comprometidos coa plena emancipación social e nacional do noso País”. “Militantes entregadas e entregados que contribuíron e contribúen, a eito, ao fortalecemento do movemento nacionalista galego en todos os ámbitos de actuación, a principiar polo xuvenil e o estudantil, mais tamén no cultural, ambiental, na defensa da lingua, no sindical e na loita política”. Bravo chamou a toda a militancia da UMG a “contribuír con toda a nosa forza e dedicación á expansión de Erguer-Estudantes da Galiza por todo o territorio nacional” e a fortalecer Galiza Nova (as mocidades do BNG).
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.