O BNG censura a política de subvencións nominativas do goberno de Ferrol

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol censura que o goberno municipal asuma e amplíe o desenvolvemento da política de subvencións nominativas de xeito totalmente discrecional tal e como facía o anterior goberno do PP.

O BNG, diante das propostas levadas á comisión de Facenda esta mañá para ampliar e modificar as subvencións nominativas, considera que o goberno local desenvolve un reparto dos recursos económicos sen criterios obxectivos para que todos os colectivos da cidade poidan acceder a eles en igualdade de condicións e "asi atopámonos con que se chega a xustificar unha subvención nominativa por celebrar a Festa de San Xoán, cando esta celebración é desenvolvida por múltiples entidades por toda a cidade".

O BNG lamenta que o goberno local continúe a desenvolver esta forma de repartir as axudas municipais porque "é inxusta e opaca, como xa expuxemos noutras ocasións". É por isto que o BNG considera que se debería desenvolver unha nova forma de repartir as axudas municipais cunha forma de concorrencia competitiva transparente e xusta na que todas as entidades poidan participar en igualdade de condicións e non repetindo as mesmas bases que desenvolvía o PP "como aconteceu no último pleno".