Máis de 70 cativas e cativos da comarca participarán na 2º xornada do Baby Basket

O pavillón do CEIP da Solaina, en Narón, acollerá este sábado, de 10.00 a 12.00 horas, a segunda xornada do Baby Basket, unha concentración de equipos de toda a comarca que terá como protagonistas a nenos e nenas de Primeiro e Segundo curso de Ensino Primario. Logo da primeira actividade en Ferrol o pasado mes de xaneiro, será o Baloncesto Narón o encargado de organizar, coa colaboración do Concello, a segunda xornada, na que se darán cita máis de 70 cativas e cativos de catro clubes da comarca, incluído o anfitrión: o Universitario Ferrol, o Costa Ártabra e o CB As Pontes. En total, están inscritos oito equipos.

A concentración ten un carácter lúdico, non competitivo, e consiste na disputa de partidos entre os diferentes conxuntos participantes. Cada encontro –que se desenvolverá sen marcador- terá unha duración de 24 minutos divididos en dous tempos. Todos os equipos xogarán entre dous e tres partidos, segundo o calendario elaborado para a ocasión.

Esta tempada é a primeira na que o Baby Basket se desenvolve en diferentes xornadas, a diferenza dos anos anteriores, nos que este evento tiña un carácter anual. O obxectivo é fomentar a práctica do baloncesto entre os máis novos para que as categorías de base sigan medrando como nos últimos anos.