Ana Pontón reclamou un plan de mobilidade para a comarca de Ferrolterra

Fot. BNG
Fot. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este venres un plan de mobilidade para a comarca de Ferrolterra que inclúa a "modernización do ferrocarril", servizo sobre o cal alertou da intención do Estado de "desmantelar" as actuais liñas. No marco dunha visita institucional a San Sadurniño, solicitou a transferencia a Galicia do servizo de proximidade da antiga Feve "con fondos suficientes para a súa modernización". Achegou o exemplo de Asturias a este respecto, tachando de "inaceptable que o único plan real que ten o Estado é o seu desmantelamento". A dirixente nacionalista denunciou  o "deixamento e abandono importante de infraestruturas" e o "atraso de dezaseis anos" na posta en marcha da Vía de Altas Prestacións para a costa norte galega. "A pesar das promesas de que a Xunta ía en serio, non se avanzou practicamente nada", dixo aos medios. Pontón demandou que se activen as obras "canto antes" en beneficio de "unha comarca que leva esperando desde o 2000; a paciencia ten un límite, as infraestruturas son fundamentais". Neste sentido, declarou que o investimento de 12 millóns de euros contemplada no último exercicio orzamentario non se chegou a implementar, senón que se optou por "eliminar esa partida e non investir nada". A parlamentaria mostrou a súa preocupación polas actuais conexións, fixadas nun modelo "pensado fai corenta ou cincuenta anos" e que non responden as "necesidades da poboación de hoxe nin á realidade social". Por iso, pide que se "garanta que todo o mundo vai ter acceso a un servizo de autobús en condicións normais" para evitar que "moita xente estea illada nas súas vivendas; non ten posibilidade real de ter un coche particular". "Esta comarca leva abandonada anos en moitos aspectos", subliñou, para chamar daquela a atención en torno á "deterioración de vías de comunicación; prometeuse unha vía de alta capacidade que non chega e estase desmantelando Feve". Ao seu xuízo, impídese que haxa unha "mobilidade racional e á altura do século XXI". Ana Pontón, que visitou San Sadurniño e Moeche para reunirse cos seus alcaldes, do BNG, tamén dialogou con entidades da zona, reivindicando que se pode "gobernar doutra maneira", unha vía "transparente" e polas "maiorías sociais".