Narón acolle a actividade educativa «Entre arrolos e contiños»

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anunciou a apertura este luns do prazo para anotarse na actividade Entre arrolos e contiños, unha proposta do proxecto Apego que se desenvolverá o 12 de novembro no local social do Alto do Castiñeiro. A actividade é de balde e diríxese a nenos de 0 a 6 anos, habendo dúas sesións, unha ás 10:30 e a segunda a partir das 12 horas. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Bea Campos e Davide González, da compañía pontevedresa Migallas Teatro, serán os protagonistas deste evento, centrado na música, na literatura infantil e na tradición oral. Os participantes e as súas familias terán a oportunidade de gozar dunha divertida sesión cun marcado carácter educativo e lúdico a través da recuperación da cultura tradicional galega. As inscricións deben formalizarse no Servizo de Normalización Lingüística de Narón, no quinto andar do Concello, a través do correo electrónico a.pita@naron.es ou chamando ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 1516), ata o vindeiro 11 de novembro, en horario de 8:30 a 13:30 horas. A Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia colaboran nesta actividade, a través da subvención do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón.