«A Xunta non está a cumprir coa parcelaria de O Val» (Eliximos Narón)

eliximos naron 22-9«Dende Eliximos Narón estamos a ver que non se están a cumprir os fins para os que se fai unha concentración parcelaria» sinala nun comunicado ENE «A lei fala de resolver problemas de rendibilidade económica e social, para fixar a poboación no medio rural en base a facer rendible a actividade produtiva, para que cada explotación o sexa mantendo ou incrementando a súa capacidade produtiva. As infraestruturas básicas da concentración inclúen a rede de camiños rurais, coas súas obras anexas, eliminación de accidentes que impidan o cultivo adecuado, e tamén a canalización de augas e defensa de marxes, e en xeral, aquelas obras e melloras que beneficien as condicións agrarias e ecolóxicas da zona, ou teñan por obxecto emendar defectos de infraestrutura. Tamén fala de dar acceso directo das leiras ás vías de comunicación, para o que se establecerá a rede viaria necesaria para o aproveitamento racional das explotacións resultantes, e para elo todos os propietarios ceden unha parte do seu terreo» . A PARCELARIA DE O VAL-MEIRÁS-LAGO Na parcelaria de O Val – Meiras – Lago se están a esquecer as finalidades social e económica cando moitos dos propietarios non conseguen saber cal é a súa nova finca e cando moitas delas quedan inaccesibles, sen poder chagar a elas mais que monte a través (polas propiedades dos demais). O que estamos a ver é que todos ceden pero non reciben por igual, pois estamos a encontrarnos con terreos ou montes de primeira (coa súa pista e razoable acceso, aínda que sen pasos rodados que salven as cunetas), de segunda (con pista pero con desniveis de 1 a 3 metros, insalvables incluso a pé), de terceira (con antigos camiños de carro) e de cuarta (sen camiño recoñecible), e todo iso sen entrar a falar da zona de Rede Natura 2000. Por outro lado, a Lei non se esquece de esixir, que as terras non queden abandonadas e mantelas cultivadas baixo pena de sancións. A pregunta é si dende a Xunta pensan que o monte pódese manter coidado e ser rendible sen o acceso e o uso de maquinaria, e a base de ameazas de sancións. O Concello terase que facer cargo dos camiños rurais da parcelaria e comprométese co seu mantemento. Polo que serán os veciños, cos seus impostos, os que teñan que pagar as pistas sen facer e arranxar as que xa están medio desfeitas pola acción das augas que están sen canalizar ou mal canalizadas. A pregunta que xorde é: ¿que está a facer o Concello?, xa que parece que están a ignorar o tema ata que lles toque de facerse cargo das pistas, e tampouco se lles ve que estean a velar polos seus veciños e os seus intereses. Agora os propietarios teñen que comprobar as súas fincas antes de dous meses, pero o problema e que, co estado dos accesos e da maleza, a tarefa faise inalcanzable para unha boa maioría, tanto para localizar os seus marcos coma para facela medición, e en caso de discrepancias teñen que contratar a un perito para reclamar, o que pode ser difícil con mais de 3000 fincas a medir» .