Eliximos Narón aposta pola escola rural

esacuela rural de sedesEliximos Narón aposta pola escola rural e pide o apoio para o Programa Experimental proposto dende Sedes para estudar a súa expansión a todo o rural galego. Dende Eliximos fíxose un pequeno estudo respecto da situación entorno da escola rural para incidir na necesidade da súa defensa e apoiar a petición que se fai dende Sedes para poñer en marcha un programa experimental a implantar inicialmente nalgunhas escolas rurais galegas para posteriormente estendela a toda a escola Rural. O programa tería dúas fases, na primeira incluiríase os dous ciclos de educación infantil e dotaríase dun servizo de comedor por cátering, mentres que na segunda desenvolveríanse programas de educación (regrada e non regrada) permanente de adultos, coma unha función e servizo público de proximidade para as persoas habitantes do rural, facilitando así a igualdade de oportunidades para acceder ós servizos públicos. A oferta formativa de menos de 3 anos e claramente insuficiente en todo Galicia e mais concretamente en Narón, e incide na conciliación da vida familiar e laboral e, indirectamente pero de forma moi negativa na igualdade da muller e nos índices de natalidade. É necesaria unha maior relación entre a escola e as nais dende a formación durante o embarazo á crianza dos fillos con parentalidade positiva. Por outro lado, neste século onde a evolución tecnolóxica é exponencial é necesario dar o apoio ao rural para que as súas xentes non queden estancadas no pasado, polo que a escola pode e debe ofrecer a formación socio-económica para persoas en idade produtiva, que lles permita adaptarse as necesidades tecnolóxicas e produtivas dos novos tempos, aínda que sen renunciar a educación non académica de adultos da que están carentes no medio rural, con metodoloxía activa, variada e próxima ás motivacións das persoas.