
O Foro de Amigos de Ferrol quere lembrar á Editorial Céltiga, que fai case un século levou a cabo un estimable labor de difusión da Cultura Galega en Ferrol.
---ooOoo---
O ano 1921, no seo das
Irmandades da Fala de Ferrol, fundouse a editorial
Céltiga, dedicada á publicación de obras na lingua galega. O seu fundador,
Xaime Quintanilla, desenvolveu un extenso labor xornalístico e teatral, dirixiu o cadro de declamación do coro Toxos e Flores e colaborou coa maioría das asociacións culturais de Ferrol.
Na súa curta vida a editorial
Céltiga, publicou entre os anos 1921 e 1923 un total de 16 títulos, editados na imprenta
El Correo Gallego do número 139-141 da rúa Real. A editorial comezou a súa andaina publicando tres obras de teatro, entre elas
Alén de
Xaime Quintanilla, e
Mal de moitos e
Trato a cegas de
Charlón e
Hermida.
O primeiro traballo editado por
Céltiga o ano 1921 foi a comedia dramática
Alén, obra de
Xaime Quintanilla Martínez (1898-1936), a primeira obra teatral escrita en galego que ten lugar no ámbito dunha cultura allea, tratando dese xeito o autor de demostrar que no idioma do país se podían tratar temas non especificamente galegos.

Publicáronse logo
Mal de moitos e
Trato a cegas, obras conxuntas de
Euxenio Charlón Arias (1889-1930) e
Manuel Sánchez Hermida (1888-1940), coñecida parella ferrolá de escritores e actores. Os chamados parrafeos eran unha especie de sainetes satíricos con dous personaxes falando unha prosa festiva. Na primeira un vello patrucio e un mozo ridiculizan aos que deixan o uso da lingua galega mentres que a segunda narra a historia de dous falsos cegos que piden esmola. Foron previamente estreadas no Teatro Jofre, en senllos festivais organizados polo
Coro Toxos e Froles, entidade á que ámbolos escritores pertencían, sendo eles mesmos os protagonistas.
A partires de marzo de 1922, co subtítulo de
“Novela mensual ilustrada”, editouse unha serie de 13 libriños. Neste segundo ciclo publicáronse as novelas curtas
Saudade de
Xaime Quintanilla, A custureira de
García Pereira,
Semprenoiva de
Cabo Pastor e dous novos parrafeos de
Charlón e
Hermida, Axúdate .... e
O menciñeiro.
Saudade foi a única novela publicada por
Xaime Quintanilla (1898-1936), saída do prelo en 1922 cunha portada de
Imeldo Corral. A obra amosa a historia sentimental da transformación do amor en saudade incurable que sinte Beta por Luis, o seu home emigrado, e ten como obxectivo exaltar os valores tradicionais do pobo galego.
Outra obra dos devanditos
Charlón Arias e
Sánchez Hermida, foron os parrafeos
Axúdate .... e
O menciñeiro, dúas pezas teatrais dun acto, coa cuberta debuxada por
Álvaro Cebreiro. A primeira delas narra a historia de dous soldados que fan o servizo militar en Ferrol, mentres que na segunda cóntanse as aventuras do tío Minixildo que traballa de zapateiro e exerce de menciñeiro.
Unha romántica historia de amor dentro do realismo decimonónico foi
A custureira, publicada por
Nicolás García Pereira (1900-1934), novelista e autor teatral de curta vida nacido en San Xoán de Filgueira. A narración, ilustrada por
Carmelo González, amosa a riqueza da fala popular, contando a historia do triángulo amoroso formado por Fiz, un fidalgo literato, Catuxa e Madanela.

Pechou a colección a noveliña costumista
Semprenoiva, da autoría doutro ferrolán, o médico e poeta
Francisco Cabo Pastor (1872-1973), membro do movemento galeguista. A novela, escrita en prosa intercalada de varios poemas, narra os amores de Hermosinda, unha moza que o autor compara coa flor chamada semprenoiva, que florece todo o ano e que nunca se pon murcha. A orixinal cuberta co tradicional escudo de Galicia, representando o Graal, foi obra de
María Cabo.
Os autores das atractivas ilustracións das portadas dos diferentes exemplares foron coñecidos artistas de modernas tendencias pictóricas e relacionados coas ideas da galeguidade, caso dos ferroláns
Camilo Díaz Baliño, Bello Piñeiro, Valentín Castro, María Cabo, Carmelo González e
Imeldo Corral.
A grande difusión destas obras da editorial Céltiga debeuse á creación dunha ampla lista de correspondentes en Galicia, Madrid, Bos Aires e A Habana, así como unha completa rede de puntos de venta no propio Ferrol, a imprenta
El Correo Gallego, os establecementos
Paramés e
Bruquetas e os quioscos
Comadira e
Central. Tamén firmas coñecidas do comercio local publicaban os seus anuncios en galego como
Rafael e Vicente, Julio F. Couto, Viúva e Fillos de Pedro Fernández, Romero Irmáns ou
Saturnino Montalbo.
A edición da colección Céltiga significou un salientable fito cultural no Ferrol de comezos do século XX, iniciativa que ata hoxe ningunha institución ferrolá foi quen de imitar. Cumpre recuperar a obra literaria dos esquecidos poetas ferrolás,
Nicolás García Pereira e
Cabo Pastor, ademais do literato e autor teatral, logo Alcalde de Ferrol,
Xaime Quintanilla.
Do mesmo xeito, coidamos que o
Real Coro Toxos e Froles, no seu centenario, debe ter unha cumprida lembranza de
Sánchez Hermida e
Charlón Arias, autores e intérpretes dos seus coñecidos parrafeos, e impulsores de
Irmandades da Fala en Ferrol, ademais de distinguidos membros do devandito Coro.