Villamar di que non se pode consentir que haxa nen@s que non podan xantar nos centros escolares

naron-bng-14O candidato á Alcaldía de Narón polo Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas, Pablo Villamar, denunciou na tarde deste xoves, día 14, nun acto público no local social da Gándara que "non podemos consentir que haxa alumnos e alumnas dos centros educativos do concello queden sen poder xantar nos comedores escolares como está a pasar actualmente" e lembrou que é a Xunta de Galiza a administración que asume este servizo que non cobre a demanda existente. Villamar sinalou que os comedores escolares son fundamentais para conciliar a vida familiar e laboral dos proxenitores e, nese sentido, reclamou un maior esforzo por parte da Xunta, "que é a que ten as competencias neste eido". O candidado nacionalista laiouse do desleixo co que o actual goberno galego actúa a respecto de Narón e sinalou, entre outros exemplos, o caso de tres das catro escolas infantís construídas polo Concello e que aínda non se integraron no Consorcio Galego de Servizos Sociais,o que supón, dixo, "un novo agravio comparativo con Narón". O aspirante do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía de Narón subliñou que a poboación de Narón non deixa de medrar, "unha realidade", engadiu, "da que a Xunta de Galiza semella non decatarse e por iso esixiu o mesmo trato que o que reciben concellos semellantes". Villamar referiuse tamén ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, unha ferramenta coa que o concello precisa contar canto antes e na que necesariamente ha de ocupar un lugar relevante un plan de accesibilidade e mobilidade que sitúe os peóns na cerna da vida urbana.